Monday 13 de May de 2024

A Pequetroula da Pobra afronta o mes de novembro con nova programación


A Pequetroula achega novas propostas para este mes de novembro para o desfrute da cativada mentres as súas familias compran nos establecementos da Pobra do Caramiñal. Este espazo lúdico habilítase no toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán durante as fins de semana ata o día 18 de decembro, do cal poden facer uso tanto a veciñanza do municipio coma a doutros concellos.

Trátase dunha firme aposta por parte da Concellaría da Promoción Económica, que une a dinamización do sector comercial e a conciliación, coa colaboración do DEAN.shop eCommerce e da Asociación de Empresarios, segundo enxalzan a edil Charo Varela (Nós Pobra) xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez. Tamén valoran positivamente a evolución desta campaña que foi medrando progresivamente: nos días 5 e 6 de novembro acadouse unha asistencia de 50 crianzas e pasouse dos 36 locais participantes iniciais aos 40 actuais. Ademais, vendéronse bonos por un importe que supera os 1 000 euros que repercuten directamente na economía da vila ao trocarse os bonos nos comercios e hostalaría.

Como novidade incorpóranse os inchables para tódolos sábados ou unha sesión de cine exclusiva para a rapazada maior de 12 anos, ademais de darlles continuidade a actividades que tiveron boa acollida, como obradoiros de distinta natureza, parkour ou pintacaras, atendidas por monitorado e especialistas nas materias.

O horario definido para os sábados é de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas, mentres que nos domingos se establece dende as 12.00 ata as 14.30 horas. Para acceder a este servizo é preciso presentar un bono Pequetroula que se pode conseguir online a través de www.deanshop.es ou presencialmente na oficina do turismo, con atención ao público de luns a venres, de 09.30 a 14.30 horas. Tamén se pode facer no propio espazo.

O importe distribúese da seguinte maneira: na quenda de mañá, 7 euros pola entrada dun/dunha cativo/cativa; pola tarde, 10 euros; e, coa opción de mañá e tarde, 15 euros. A contía total verase rebaixada pola participación de irmás e irmáns e será de balde para o/a terceiro/a.